10/10/2026
📣 O Tribunal de Contas ratifica a condena contra Alberto García polos cobros irregulares cando era alcalde.
🔒 A sala rexeita o recurso e insiste en que houbo un “menoscabo” de máis de 17.000 euros para as arcas municipais pola actuación neglixente do socialista.
⏏️ O alcalde Castaño pide ao PSOE que non o manteña como concelleiro “nin un minuto máis” tras confirmarse que “meteu a man na caixa” para enriquecerse persoalmente
🔴 O Tribunal de Contas acaba de desestimar o recurso de apelación presentado polo ex alcalde socialista de Catoira Alberto García contra a sentenza que o condenou por cobros irregulares durante o seu mandato. A sala mantén a condena e a súa responsabilidade polo menoscabo causado ás arcas municipais valorado en máis de 17.000 euros e impón a García as costas da apelación ao resultar desestimada integramente a súa reclamación.
💰 A resolución do Tribunal, moi dura, confirma así que se produciu un menoscabo de 17.455,61 euros de fondos públicos, correspondente a 1.855,61 euros de cotizacións á Seguridade Social e 15.600 euros percibidos por García en concepto de “asistencias diarias” despois da súa xubilación, entre setembro de 2018 e xuño de 2019. A esta cantidade engadíronse na primeira sentenza 2.825,08 euros de xuros, polo que a condena quedou fixada inicialmente en 20.280,69 euros, cantidade que García tivo que consignar en concepto de fianza, á espera da resolución do procedemento, agora definitiva.
O Tribunal de Contas volve rexeitar agora os argumentos utilizados pola defensa de García para tentar deixar sen efecto a condena. En particular, a resolución non acepta que o descoñecemento da normativa, a falta de formación específica en materia xurídica ou contable de García ou o feito de que tivera realizado cobros semellantes anteriormente poidan eximilo da súa responsabilidade.
A sentenza mantén que as cantidades percibidas despois da súa xubilación non podían ser consideradas simplemente indemnizacións por gastos ou asistencias puntuais, senón que, polas súas características, funcionaban na práctica como unha retribución encuberta polo traballo desenvolvido. Por tanto, o acordo do Tribunal confirma a existencia dun dano aos fondos públicos e a responsabilidade de García na súa condición de ordenador dos pagamentos e beneficiario dos mesmos.
Ante este novo capítulo que ratifica a neglixente conduta de García, o alcalde Xoán Castaño considera especialmente grave que o ex rexedor socialista insistira coa teima de recorrer unha condena que agora o propio Tribunal de Contas volve confirmar. Por iso, reclama á dirección do PSOE que tome medidas de maneira inmediata. “O PSOE non pode manter a Alberto García como concelleiro nin un minuto máis. Non estamos a falar dunha condena por un erro administrativo ou unha mala tramitación. Estamos a falar dunha sentenza do Tribunal de Contas que confirma a súa responsabilidade persoal por meter a man na caixa para enriquecerse a conta da xente de Catoira”, sinala Castaño.
O alcalde nacionalista considera que a cuestión ten unha dimensión política e ética que o PSOE non pode ignorar. “Non pode ser que unha persoa condenada por estes feitos continúe representando publicamente ao PSOE na Corporación de Catoira como se non pasase nada. A dirección do partido ten que intervir e esixirlle a súa dimisión”, reclama.
Segundo Castaño, que García pretenda xustificar eses cobros porque supostamente estaba prestando servizos ao Concello resulta insultante para as veciñas e veciños de Catoira, que son os verdadeiros propietarios deses cartos. De feito, o alcalde nacionalista considera especialmente revelador un dos argumentos utilizados pola defensa no recurso, segundo o cal as indemnizacións recibidas por García polo exercicio das súas funcións eran necesarias e que, aínda estando xubilado, non telas cobrado suporía “un claro enriquecimiento inxusto da administración que recibe os servicios” e “un claro empobrecemento do alcalde, prestador deses servicios, que podería dedicar o seu tempo a outras actividades”.
Castaño considera que este argumento evidencia ata que punto “García perdeu a perspectiva”. “Os cartos do Concello non son cartos de Alberto García nin do alcalde de quenda. Son cartos das veciñas e veciños, e quen ten a responsabilidade de administralos debe facelo con moito máis rigor, non buscar fórmulas para cobrar persoalmente por exercer as súas funcións”, sinala.
O alcalde lembra que a primeira resolución do Tribunal de Contas xa cualificara a actuación de García como “gravemente neglixente e culposa”, considerándoo responsable directo das irregularidades e exculpando ao persoal municipal tamén encausado. Agora, tras a apelación, esa conclusión queda novamente confirmada. “Non hai xa escusas nin argumentos que servan. Recorreu a condena e perdeu. A Fiscalía xa se opuxera expresamente ao recurso e agora o Tribunal de Contas desestima a apelación e impón as costas”, destaca Castaño.
Para o alcalde de Catoira, a situación esixe unha resposta política clara. “Sería unha vergoña que o PSOE decidise manter como representante público a unha persoa nestas circunstancias. Que mensaxe se lle estaría trasladando á cidadanía? Que dá igual o que faga un cargo público cos cartos de todas? Que dá igual que o Tribunal de Contas determine a súa responsabilidade? Que todo vale mentres se teña unha acta de concelleiro?”, cuestiona. “Nós temos claro que non imos normalizar que alguén que meteu a man na caixa poida seguir representando publicamente á cidadanía como se nada tivese acontecido”, conclúe o alcalde.