Esquerda Unida O Grove

Cómo llegar Página web

Esquerda Unida O Grove PÁXINA OFICIAL DO COLECTIVO LOCAL DE ESQUERDA UNIDA O GROVE

‼📢 Esquerda Unida reclama ao Concello que corrixa as deficiencias da nova sinalización turística🔻 A formación detecta si...
16/09/2026

‼📢 Esquerda Unida reclama ao Concello que corrixa as deficiencias da nova sinalización turística

🔻 A formación detecta sinais mal orientados, parcialmente ocultos ou colocados en puntos que reducen a visibilidade dos vehículos, pese a que o proxecto contemplaba expresamente a instalación e o control de calidade dos novos elementos.

🔻 Advirten tamén de paneis nas praias que anuncian aseos, bandeiras sobre o estado do mar ou servizo de socorrismo que son inexistentes.
..
💁‍♂️ “A renovación da sinalización é necesaria e positiva, pero precisamente por iso hai que facela ben. Se o propio proxecto contempla a instalación e o control de calidade, non ten sentido que aparezan sinais que non se ven, outros mal orientados, elementos que reducen a visibilidade do tráfico ou paneis que anuncian servizos inexistentes. O Concello debe revisar os 143 elementos e esixir que se corrixan todas as deficiencias”, indica José Antonio Otero.

✍️ Esquerda Unida enmarca esta denuncia no traballo de revisión e fiscalización que a formación está realizando sobre a execución dos proxectos financiados con fondos europeos no municipio, co obxectivo de comprobar non só o destino dos recursos públicos, senón tamén que as actuacións se executaron correctamente e cómpren coa finalidade para a que foron financiadas.

💁‍♂️ “Os fondos europeos representaron unha oportunidade importante para mellorar O Grove, pero precisamente pola contía dos recursos mobilizados é fundamental facer un seguimento rigoroso da súa execución. Imos continuar revisando estas actuacións, sinalando as deficiencias que atopemos e reclamando que cada euro invertido fose destinado a melloras reais para o municipio”, conclúe o voceiro de Esquerda Unida.

📃 Ler noticia completa 👇👇👇

🔗 https://www.euogrove.es/2026/09/esquerda-unida-reclama-ao-concello-que.html

🖤 Hoxe despedimos con moita tristura á compañeira Mari Carmen Gondar.Mari Carmen formou parte das candidaturas de Esquer...
06/09/2026

🖤 Hoxe despedimos con moita tristura á compañeira Mari Carmen Gondar.

Mari Carmen formou parte das candidaturas de Esquerda Unida e foi unha muller comprometida coa defensa dos dereitos das traballadoras e traballadores desde o sindicalismo.

Dende a agrupación local queremos trasladar todo o noso cariño e apoio á súa familia, amizades e persoas achegadas.

🏴 Que a terra che sexa leve, compañeira.

TODO O NOSO APOIO ÁS TRABALLADORAS DO SAF DO GROVEDende Esquerda Unida O Grove queremos expresar publicamente o noso apo...
04/09/2026

TODO O NOSO APOIO ÁS TRABALLADORAS DO SAF DO GROVE

Dende Esquerda Unida O Grove queremos expresar publicamente o noso apoio ás auxiliares do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que están a reclamar unhas condicións laborais xustas e dignas.

As traballadoras veñen de explicar ás persoas usuarias e ás súas familias as razóns polas que se están producindo algúns atrasos no servizo, derivados das medidas de presión que están levando a cabo para reclamar, entre outras cuestións, unha compensación adecuada polos quilómetros que realizan cos seus propios vehículos.

Non podemos mirar para outro lado.

Falamos de traballadoras que percorren diariamente o noso municipio para atender persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade. Traballadoras que poñen o seu tempo, o seu vehículo e o seu esforzo ao servizo dun dereito básico: o dereito a recibir coidados e atención no propio fogar.

E precisamente por iso, quen coida tamén ten que ser coidada.

Dende Esquerda Unida levamos anos denunciando a situación do SAF no Grove e defendendo que un servizo público de coidados destas características non pode estar permanentemente condicionado pola lóxica dunha empresa privada.

A concesión do servizo rematou en 2019 e, dende entón, a prestación continúa sen que o Concello resolva definitivamente a situación mediante unha nova licitación ou, como vimos reclamando dende hai anos, mediante a remunicipalización do servizo.

O Concello non pode limitarse a dicir que as condicións laborais son cousa da empresa. É un servizo municipal, financiado con recursos públicos e destinado a garantir dereitos da veciñanza. A responsabilidade política sobre como se presta tamén é municipal.

Por iso reclamamos ao Goberno local que:

🔻 Escoite as traballadoras e facilite unha solución ás súas reivindicacións.

🔻 Garanta que as persoas usuarias reciban o servizo nas mellores condicións posibles, evitando que sexan elas quen soporten as consecuencias dun conflito laboral que non provocaron.

🔻 Poña fin á situación de provisionalidade que arrastra o SAF dende 2019 e resolva definitivamente a prestación do servizo.

Volvemos defender o que vimos reclamando dende hai anos: a remunicipalización do Servizo de Axuda no Fogar, recuperando para o Concello a xestión directa dun servizo esencial.

Porque os coidados non son un negocio.

Porque os servizos públicos deben estar ao servizo das persoas e non da obtención de beneficios.

E porque non pode haber un bo servizo de coidados se quen coida traballa en condicións precarias.

Todo o noso apoio ás traballadoras do SAF do Grove.

Servizos públicos. Traballo digno. Coidados con dereitos.

🏛️ ROGOS E PREGUNTAS| XESTIÓN MUNICIPAL E TRANSPARENCIA🔻 Fiscalizar tamén é preguntar como se xestionan os recursos públ...
24/08/2026

🏛️ ROGOS E PREGUNTAS| XESTIÓN MUNICIPAL E TRANSPARENCIA

🔻 Fiscalizar tamén é preguntar como se xestionan os recursos públicos, esixir información, comprobar o cumprimento das normas e facer seguimento dos compromisos adquiridos polo Concello.

Durante estes meses interesámonos por diferentes procesos de contratación e licitación, pola execución de proxectos municipais, pola organización e as condicións do persoal do Concello e polo cumprimento das ordenanzas e dos acordos aprobados polo Pleno.

‼ Pero fiscalizar só é posible cando existe acceso á información.

😡 E neste ámbito seguimos atopando unha importante falta de transparencia por parte do goberno municipal. En numerosas ocasións solicitamos información e documentación por rexistro e, a pesar do tempo transcorrido, estas solicitudes non foron atendidas ou a información facilitada foi insuficiente.

Entre os asuntos sobre os que reclamamos información están as denuncias por ruído nos locais de ocio, a execución do Plan de Sustentabilidade Turística A Gastromeca, diferentes procesos de licitación ou actuacións municipais e o cumprimento de ordenanzas e acordos plenarios.

A oposición ten dereito a fiscalizar a acción do goberno e a veciñanza ten dereito a coñecer como se xestionan os recursos públicos.

A transparencia non pode depender de que a oposición teña que preguntar unha e outra vez pola mesma información.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

📢 Con esta publicación rematamos o repaso do traballo desenvolvido por Esquerda Unida nos plenos entre xaneiro e xullo.

En setembro volveremos ao pleno con novas preguntas, novos rogos e novas propostas.

Porque facer oposición é tamén estar, escoitar, fiscalizar e insistir.

🚦 ROGOS E PREGUNTAS | MOBILIDADE E SEGURIDADE🔻 A mobilidade, a seguridade viaria e o uso do espazo público forman parte ...
21/08/2026

🚦 ROGOS E PREGUNTAS | MOBILIDADE E SEGURIDADE

🔻 A mobilidade, a seguridade viaria e o uso do espazo público forman parte do día a día da veciñanza e requiren atención e planificación por parte do Concello.

Durante estes meses trasladamos ao pleno diferentes cuestións relacionadas co estacionamento, a circulación, a seguridade de peóns e condutores, o alumeado público e a mobilidade eléctrica.

Tamén preguntamos pola situación dos auxiliares da Policía Local e reclamamos diferentes actuacións para mellorar a seguridade e o funcionamento do espazo público.

Porque unha mobilidade segura tamén se constrúe atendendo ás necesidades concretas dos barrios e das persoas que utilizan cada día as nosas rúas.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

👉 Na vindeira e última publicación desta serie falaremos de Xestión Municipal e Transparencia, repasando algunhas das cuestións que levamos ao pleno relacionadas coa xestión, o funcionamento do Concello e o control da acción do goberno.

🎭 ROGOS E PREGUNTAS | DEPORTE, CULTURA E EQUIPAMENTOS PÚBLICOS🔻 O deporte, a cultura e os equipamentos municipais forman...
19/08/2026

🎭 ROGOS E PREGUNTAS | DEPORTE, CULTURA E EQUIPAMENTOS PÚBLICOS

🔻 O deporte, a cultura e os equipamentos municipais forman parte da vida diaria do Grove e necesitan atención, mantemento e unha xestión adecuada.

Durante estes meses trasladamos ao pleno diferentes cuestións relacionadas co estado das instalacións deportivas, a seguridade dos equipamentos, a actividade cultural e a preparación do municipio para a tempada estival.

Porque ter equipamentos públicos non é suficiente: hai que coidalos, mantelos e garantir que estean ao servizo da veciñanza.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

👉 Na vindeira publicación falaremos de Mobilidade e Seguridade, repasando as actuacións que reclamamos para mellorar as rúas e a seguridade no noso municipio.

🌿 ROGOS E PREGUNTAS | LIMPEZA, MEDIO AMBIENTE E BENESTAR ANIMAL🔻 Un Grove limpo, coidado e sostible constrúese todos os ...
17/08/2026

🌿 ROGOS E PREGUNTAS | LIMPEZA, MEDIO AMBIENTE E BENESTAR ANIMAL

🔻 Un Grove limpo, coidado e sostible constrúese todos os días.

Durante estes meses levamos ao pleno diferentes cuestións relacionadas coa limpeza do municipio, o mantemento ambiental e o benestar animal. Preguntamos polos problemas da recollida selectiva de residuos, reclamamos actuacións fronte ás pragas urbanas, solicitamos a limpeza de espazos públicos e insistimos na necesidade de facer cumprir a ordenanza de limpeza de fincas.

Tamén trasladamos propostas relacionadas co coidado dos animais, preguntando polo estado das colonias felinas e solicitando melloras na protección dos burros do Parque Xaquín Álvarez Corbacho.

Ademais, pedimos actuar tamén sobre as parcelas municipais e beirarrúas que precisan desbroce e limpeza.

Cremos que o Concello debe ser o primeiro en dar exemplo no coidado dos espazos públicos e do medio natural.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

👉 Na vindeira publicación falaremos de deportes, cultura e instalacións municipais, repasando as iniciativas que presentamos para mellorar os equipamentos públicos, apoiar a actividade deportiva e impulsar a vida cultural do Grove.

🛠️ ROGOS E PREGUNTAS | MANTEMENTO DOS ESPAZOS PÚBLICOS🔻 As pequenas actuacións tamén melloran a calidade de vida da veci...
14/08/2026

🛠️ ROGOS E PREGUNTAS | MANTEMENTO DOS ESPAZOS PÚBLICOS

🔻 As pequenas actuacións tamén melloran a calidade de vida da veciñanza.

Unha baldosa levantada, un parque infantil sen manter, unha fonte que desaparece, unha marquesiña que nunca chega ou un camiño en mal estado poden parecer problemas menores. Pero para quen os sofre cada día, son cuestións que afectan á seguridade, á accesibilidade e ao uso dos espazos públicos.

Entre xaneiro e xullo trasladamos ao pleno numerosas propostas para mellorar o mantemento do noso concello. Reclamamos actuacións nas rúas peonís, parques infantís, fontes públicas, marquesiñas, camiños, zonas verdes e diferentes espazos municipais, ademais de pedir solucións para problemas como as inundacións na Travesía Alexandre Bóveda ou o deterioro do acceso a Boibas.

Cremos que un concello ben coidado non depende só de grandes investimentos. Tamén require atención constante aos pequenos detalles e capacidade para resolver con rapidez as incidencias que afectan ao día a día da veciñanza.

Porque manter o que xa temos tamén é unha forma de facer política útil.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

👉 Na vindeira publicación falaremos de limpeza, medio ambiente e benestar animal, repasando as iniciativas que presentamos para mellorar a limpeza do municipio, a xestión dos residuos, o coidado dos espazos naturais e o benestar animal.

🚧 ROGOS E PREGUNTAS | OBRAS E INVESTIMENTOS🔻 As obras públicas non rematan cando se anuncian nin cando se inauguran.Desd...
12/08/2026

🚧 ROGOS E PREGUNTAS | OBRAS E INVESTIMENTOS

🔻 As obras públicas non rematan cando se anuncian nin cando se inauguran.

Desde Esquerda Unida entendemos que tamén é necesario facer un seguimento da súa execución, comprobar que se compren os prazos, que as actuacións responden ás necesidades da veciñanza e que os cartos públicos se empregan con responsabilidade.

Ao longo destes meses do 2026 preguntamos polo estado de diferentes obras municipais, reclamamos a reparación de instalacións públicas con importantes deficiencias e interesámonos por proxectos estratéxicos para o futuro do Grove, como a construción de vivenda pública.

Non só denunciamos os problemas, senón que facemos seguimento ata que se resolvan.

📃 Podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web:
👇👇👇
https://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

👉 Na próxima publicación falaremos de mantemento dos espazos públicos e servizos municipais, repasando as actuacións que reclamamos para mellorar o día a día da veciñanza.

‼📢 ROGOS E PREGUNTAS | O traballo de Esquerda Unida no Concello🔻Que fai o noso grupo municipal entre pleno e pleno? Moit...
11/08/2026

‼📢 ROGOS E PREGUNTAS | O traballo de Esquerda Unida no Concello

🔻Que fai o noso grupo municipal entre pleno e pleno?

Moitas veces só se ve a intervención de poucos minutos no salón de plenos. Pero detrás de cada pregunta, cada rogo, cada solicitude, hai horas de estudo de expedientes, visitas aos barrios, reunións coa veciñanza e seguimento da actividade municipal.

Entre xaneiro e xullo de 2026 formulamos máis de medio cento de preguntas e presentamos máis de trinta rogos para trasladar ao goberno municipal os problemas que nos fai chegar a veciñanza e para fiscalizar a súa xestión.

Como durante agosto non haberá pleno ordinario, queremos aproveitar estas semanas para facer un repaso deste traballo.

Falaremos de obras, vivenda, mantemento, limpeza, servizos públicos, mobilidade, transparencia e moitos outros asuntos que afectan ao día a día do Grove.

Porque facer oposición non consiste en preguntar unha vez e esquecerse. Consiste en volver insistindo ata que os problemas se resolvan.

👉 Mañá comezamos coa primeira publicación, onde mostraremos as preguntas e solicutdes realizadas sobre obras e investimentos.

📃 Lembra que podes consultar os rogos e preguntas de cada pleno na nosa web
👇👇👇
http://www.euogrove.es/search/label/Rogos%20e%20Preguntas%20Plenos

Dirección

Luis Casais, 11 Baixo
El Grove
36980

Horario de apertura

20:30 - 23:30

Notificaciones

Sea el primero en enterarse: le enviaremos un correo electrónico cuando Esquerda Unida O Grove publique novedades y promociones. Su dirección de correo electrónico no se utilizará para ningún otro fin y puede darse de baja en cualquier momento.

Atajos

Compartir