09/07/2026
CAFETEAR: un espazo para conectar, compartir e medrar
CAFETEAR é unha iniciativa promovida polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local do Concello de Xove que nace coa finalidade de crear un punto de encontro entre persoas emprendedoras e empresarias do municipio. A proposta consiste en compartir un café mentres se fortalecen relacións profesionais, se intercambian experiencias e se xeran novas oportunidades de colaboración.
As reunións celébranse, de maneira habitual, o primeiro luns de cada mes, entre as 8:00 e as 9:00 horas, nun ambiente distendido, próximo e participativo. Cada sesión ten lugar nun establecemento de hostalaría diferente do municipio, favorecendo tamén o coñecemento e a dinamización do comercio local.
De forma excepcional, o CAFETEAR deste mes celebrarase o 13 de xullo, no Café Bar Pepe, mantendo o mesmo horario de 8:00 a 9:00 horas. Nesta ocasión, o encontro estará aberto non só ás persoas emprendedoras e empresarias de Xove, senón tamén a todas aquelas que desexen participar, aínda que desenvolvan o seu proxecto empresarial fóra do municipio. Falaremos das axudas e subvencións abertas en prazo de solicitude, en concreto explicaremos o PROGRAMA EMEGA.
Durante o encontro, as persoas participantes teñen a oportunidade de presentar a súa actividade, compartir as súas inquedanzas, necesidades e proxectos, así como coñecer outras iniciativas empresariais e explorar posibles vías de colaboración.
Os principais obxectivos do CAFETEAR son:
Tecer redes de colaboración entre as empresas participantes e o Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.
Dar a coñecer os produtos e servizos das empresas asistentes, favorecendo o coñecemento mutuo.
Identificar necesidades formativas e de apoio para planificar accións e servizos adaptados á realidade empresarial.
Promover campañas e iniciativas conxuntas de difusión, promoción e publicidade.
Compartir información de interese sobre formación, subvencións, axudas, recursos e outras oportunidades para o tecido empresarial.
Ven CAFETEAR con nós o próximo luns.