15/10/2026
O ALCALDE DA LAMA, DAVID CARRERA, ASINA CO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN A CONCESIÓN DUNHA SUBVENCIÓN DE 600.000 EUROS PARA HUMANIZACIÓN DA AVENIDA DO CONCELLO E A RÚA MANUEL TOSAR
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde da Lama, David Carrera, o convenio para a mellora da accesibilidade e a seguridade peonil na Avenida do concello e na rúa Manuel Tosar.
No Pazo provincial, López e Carrera selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 605.600 euros para financiar o 100 % dunha obra a través da combinación dos recursos do Plan Extra (500.000€) e do +Provincia (105.600€). Unha inxección de fondos provinciais para “un proxecto estratéxico financiado ao 100% pola Deputación que vai transformar un espazo público nunha contorna con alto valor patrimonial e natural”, afirmou o presidente despois de asinar o acordo.
O proxecto consiste na intervención nunha área de case 4.000 metros cadrados que abrangue a Avenida do Concello e a rúa Manuel Tosar Ferro, así como o aparcadoiro e a unha zona axardinada a carón da casa consistorial.
O entorno no que se vai intervir está especialmente caracterizado pola presenza de importantes equipamentos e espazos públicos do municipio, como a Alameda, Casa do Concello, centro de saúde, colexios ou farmacia; polo a intervención pretende potenciar a fluidez e seguridade nas conexións peonís reducindo a presenza do tráfico rodado ao mínimo.
As actuacións concretas formulan a recuperación do espazo público para os peóns, a través dunha plataforma compartida de prioridade peonil e redución da velocidade do tráfico. A proposta inclúe a creación dun espazo público peonil de acceso á praza da Alameda dende a rúa Manuel Tosar, en lugar da actual explanada asfaltada ocupada por vehículos e colectores de lixo e establecendo un sentido único de circulación para esta rúa.
Tamén está previsto intervir no espazo de acceso á praza da Alameda e nunha parte do parque infantil para mellorar a súa funcionalidade dotándoo dun espazo de sombra e asentos. Unha nova e pequena praciña con pavimentos de calidade servirá de acceso ao supermercado, a praza principal e ao parque infantil, ao que tamén se poderá acceder a través dunha escaleira e zona axardinada desde un lateral da Casa do Concello.
“Para concellos pequenos e humildes como o Concello da Lama son moi importantes este tipo de axudas, porque os recursos son limitados”, agradeceu o rexedor.
A sinatura deste acordo supón un novo paso adiante na colaboración da Deputación co Concello da Lama, onde tamén están en marcha proxectos dirixidos á mellora doutros espazos públicos de titularidade municipal e infraestruturas viarias a través doutros programas de colaboración.