29/09/2026
FRONTE Á HOMOFOBIA, TODO O NOSO APOIO AO COMPAÑEIRO TITO
Desde o BNG de Laxe queremos manifestar publicamente todo o noso apoio e solidariedade co noso compañeiro Tito ante a difusión realizada por Dani Esteve, coñecido nas redes sociais como DaniDesokupa, dun vídeo publicado polo BNG de Laxe con motivo do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.
DaniDesokupa decidiu coller e difundir entre a súa audiencia un vídeo no que Tito participaba nunha mensaxe en defensa da liberdade, da diversidade e dos dereitos das persoas LGTBIQ+.
Non estamos falando dunha persoa anónima compartindo unha publicación. Falamos dunha conta cunha enorme capacidade de difusión que decidiu poñer o foco sobre unha persoa concreta, un veciño de Laxe e compañeiro noso, a partir dun vídeo reivindicativo do Orgullo.
E as consecuencias deste tipo de exposicións non poden ser ignoradas.
O BNG de Laxe rexeita rotundamente calquera burla, insulto, mensaxe de odio ou ataque homófobo dirixido contra Tito a raíz desta difusión.
Dani Esteve é responsable do que publica e do enorme altofalante desde o que o fai. Quen conta cunha audiencia de miles de persoas debe ser consciente do alcance que pode ter sinalar e expoñer unha persoa concreta.
Por iso non imos mirar para outro lado.
Tito participou nese vídeo porque cre nun Laxe no que cada persoa poida ser quen é, amar a quen queira e expresarse libremente. E nós estamos orgullosas e orgullosos de que o fixese.
Desde o BNG de Laxe queremos dicirlle tamén directamente a Dani Esteve que non conseguirá que renunciemos á defensa dos dereitos LGTBIQ+ nin que calemos diante da homofobia.
E, sobre todo, queremos dicirlle algo ao noso compañeiro:
Tito, non estás só.
Tes ao teu lado ás túas compañeiras e compañeiros, ao BNG de Laxe e a unha organización que non vai permitir que o sinalamento, a burla ou os ataques homófobos convertan a defensa da diversidade nun motivo para ter medo.
🏳️🌈 Fronte á homofobia, máis liberdade, máis orgullo e máis dereitos.
Todo o noso apoio, Tito.
BNG de Laxe