10/09/2026
BNG de Santa Comba denuncia falta de reparacións na estrada que leva á praia fluvial de San Salvador
BNG esixe ao alcalde que explique que pasou coa estrada de San Salvador e cos fondos comprometidos hai 18 anos.
Trátase dunha estrada para a que no 2008 se orzamentaran 200.000 euros dun convenio cunha empresa eólica instalada na zona, mais o estado de conservación segue a empeorar.
BNG reclama información e claridade respecto dunha actuación que, malia o paso de diferentes gobernos municipais, segue sen producirse.
Santa Comba, 10 de setembro de 2026.
Ante o anuncio do goberno municipal de Santa Comba dos novos investimentos do POS+ en diferentes puntos do rural e actuacións en San Salvador, o BNG, da man do seu portavoz municipal, Xoán David Sixto, fixo ver que no Perfil do Contratante non se atopa ningunha licitación que identifique o amaño da estrada que leva á praia fluvial, tal e como a veciñanza leva anos reclamando. “É certo que existe unha licitación para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas, tanto en San Salvador como en outras parroquias, mais a actuación non identifica a estrada principal, obxecto dunha reivindicación que vén de vello”, declaraba o portavoz nacionalista.
Así, o BNG de Santa Comba reclama unha intervención definitiva para a estrada que une San Salvador con Santa Comba, tras case dúas décadas agardando por unha actuación mentres o firme presenta múltiples problemas de seguridade derivados da falta de conservación.
Trátase, esta, dunha reivindicación que vén de lonxe. Xa en 2008 fora asinado un convenio cunha empresa eólica que achegaba 200.000 euros para o arranxo da estrada, sen que chegara a realizarse a actuación prevista. A maiores, a empresa gastaría até un máximo de 25.000 euros para a elaboración do proxecto técnico. Esta partida nin sería ingresada. Motivos, estes, que levan ás protestas veciñais desde entón.
As reivindicacións da veciñanza levan sendo unha constante co paso do tempo: das protestas chegouse a que en 2020 unha manifestación reclamase que a actuación fose efectuada dunha vez, repetindo as protestas que xa foran feitas en 2016 e que volverían á actualidade da capital do Xallas en 2022. “18 anos de reivindicación veciñal, promesas incumpridas polos diferentes gobernos municipais e investimentos prometidos que nunca chegan”, expresaba Xoán David Sixto en nome do BNG de Santa Comba. “Por iso solicitamos que, dunha vez, se poña solución a esta problemática, por seguridade e accesibilidade para a veciñanza”. Asemade, o portavoz da formación nacionalista esixe “que o Goberno municipal deixe de utilizar referencias xenéricas a investimentos en San Salvador e explique con exactitude que estrada se vai arranxar, que tramo, con que orzamento e en que prazo”.
Para o BNG existe, ademais, “unha cuestión que non pode seguir sen resposta: que aconteceu cos fondos que ao longo destes anos estiveron vinculados ao arranxo desta estrada?”. As propias informacións publicadas ao longo dos anos ofrecen diferentes cifras e situacións. En 2018 falábase dun convenio de 200.000 euros e doutros 25.000 euros para o proxecto; en 2016 dábase a información, de novo, de 225.000 euros entregados ao Concello. Mais en 2019, nun debate plenario, a entón alcaldesa María Pose afirmaba que cando o seu goberno chegara ao Concello había 145.000 euros dos 200.000 euros iniciais. “Estas diferenzas fan aínda máis necesaria unha explicación documental, porque a veciñanza de San Salvador ten dereito a coñecer o destino dos fondos vencellados a unha obra que levan reclamando, con xustiza, desde hai anos”, remataba Sixto.