14/10/2026
O CONCELLO DE MORAÑA INICIA A CONSTRUCIÓN DUNHA SENDA PEONIL E A MELLORA DA CONEXIÓN VIARIA ENTRE A RÚA N7 E O LUGAR DAS CORTIÑAS CUN INVESTIMENTO DE 300.000 EUROS
Moraña, 14 de outubro de 2026.- O Concello de Moraña vén de iniciar as obras de construción dunha senda peonil e da mellora da actual conexión viaria entre a rúa N7 do casco urbano de Santa Lucía, á altura da zona deportiva, e o lugar das Cortiñas cun investimento de 299.152 euros.
Esta actuación de humanización no ámbito periurbano, que vai ser financiada ao abeiro do Plan +Provincia 2025 da Deputación de Pontevedra, consistirá na redistribución dos 3.705 metros cadrados do actual vial, que se prolonga por espazo de 475 metros cunha anchura de 8 metros. Deste xeito, a zona para vehículos reducirase ata os 2.324 metros cadrados e iso permitirá gañar 1.380 metros exclusivamente para os peóns.
En concreto, vaise crear un itinerario peonil seguro en formigón coreado ao longo de 334 metros cunha anchura de 2,5 metros dotado con bolardos para separalo axeitadamente da nova vía, que verá renovada a súa capa de rodadura e manterá os dous carrís de circulación. Ademais, instalaranse senllas plataformas únicas de circulación, para reforzar a seguridiade, nos entronques das rúas N7 e N3.
Así mesmo, o proxecto permitirá modernizar e renovar todos os servizos públicos e as redes de instalación de toda esta contorna e procederase tamé á eliminación das barreiras arquitectónicas. Deste xeito, cambiaranse os sistemas de iluminación, saneamento, pluviais e arquetas e instalaranse muros de contención, barandas de protección, cunetas e sinalización.
Esta actuación, que conta cun prazo de execución de tres meses, permitirá mellorar a conexión entre o casco urbano e a aldea das Cortiñas seguindo o mesmo formato que outros proxectos xa realizados na periferia de Santa Lucía. Ademais, terá outros beneficios máis aló da creación da senda peonil e a humanización de espazos, xa que reducirá os niveis de contaminación, mellorará a imaxe desta contorna e reforzará a seguridade con limitacións de velocidade.
Ante o comezo das obras, desde o goberno local quere demandarse prudencia e precaución aos veciños e usuarios desta contorna pola presenza de maquinaria pesada e o desenvolvemento dos traballos e tamén se solicita desculpas polas molestias durante este tempo.