14/10/2026
Achégase a celebración do Samaín no centro e, para esta data tan especial, preparamos unha actividade que une as nosas tradicións co proxecto integrado deste curso sobre Os Inventos.
Este ano queremos animarvos a decorar vasoiras “de meiga” tradicionais. Por unha banda, as meigas son unha das figuras máis importantes e coñecidas da nosa cultura e, por outra banda, a vasoira é un dos inventos máis empregados en todo o mundo, cunha gran evolución e de gran utilidade nas nosas vidas.
A proposta que vos facemos consiste en traer ou confeccionar a vosa vasoira tradicional decorada para o Samaín de forma creativa (con elementos naturais, cintas, arañas, pantasmas,... todo o que se vos ocorra). As vasoiras podedes elaboralas con pólas de xesta como se facía na nosa terra dende hai séculos , con vimbios ou outro tipo de ramallos; se non vos animades a facela de xeito artesanal, podedes empregar algunha, o máis tradicional posible, que teñades pola casa.
AS VASOIRAS TEÑEN QUE TRAERSE ANTES DO 27 DE OUTUBRO PARA EXPOÑER NO CENTRO.
Coma sempre, animámosvos a participar e crear en familia e agradecémosvos a vosa implicación en todos os proxectos que vos propoñemos.