17/09/2026
🚧 Obras na autovía do Barbanza
A deputada do BNG e concelleira na Pobra Rosana Pérez Fernández denuncia as incidencias que se están producindo durante as obras da AG-11 e reclama á Xunta máis control e medidas de seguridade.
🚙 Cortes de varios quilómetros, entradas e saídas pechadas simultaneamente, falta de avisos previos e problemas cos elementos de sinalización están a dificultar a circulación diaria, especialmente para as persoas que utilizan a autovía por motivos laborais.
👷♀️Só neste mes de setembro, as dúas saídas da Pobra e a de Palmeira, en Ribeira, víronse afectadas por cortes simultáneos, obrigando os vehículos a percorrer varios quilómetros antes de poder abandonar a autovía e continuar por vías alternativas.
🚨E tamén hai problemas de seguridade. O pasado día 10, en Boiro, tres vehículos colisionaron contra unha placa metálica dunha xunta de dilatación que se desprendera da calzada, nun momento nocturno e sen visibilidade.
💬Rosana Pérez reclama á Xunta que intensifique a vixilancia sobre as obras, garanta a seguridade e esixa á empresa adxudicataria que reduza as molestias, evitando cortes excesivamente longos e simultáneos e avisando con antelación dos tramos que se van pechar.