07/10/2026
𝗖𝗨𝗥𝗦𝗢 𝗗𝗘 𝗜𝗡𝗧𝗥𝗢𝗗𝗨𝗖𝗜𝗢́𝗡 𝗔́ 𝗟𝗜𝗡𝗚𝗨𝗔 𝗘 𝗔́ 𝗖𝗨𝗟𝗧𝗨𝗥𝗔 𝗚𝗔𝗟𝗘𝗚𝗔𝗦
O Concello de Quiroga contará cun curso de iniciación ao galego especialmente indicado para aquelas persoas que se achegan por primeira vez ao galego.
O curso está dirixido a maiores de 16 anos -ou que os fagan no ano 2026-, que desexen adquirir ou mellorar as súas competencias en lingua galega e os seus coñecementos sobre a cultura de acollida. Non se requiren coñecementos previos de galego, xa que as clases estarán adaptadas a diferentes niveis.
Trátase dun curso presencial, de 20 horas, co que se pretende promover o emprego do galego e o coñecemento da cultura galega en distintos ámbitos da poboación e en todos os contextos da sociedade, dirixíndose particularmente aos novos galegos e galegas que están chegando ao noso concello dende lugares de fóra da nosa comunidade.
Este curso ten un dobre obxectivo: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectiva das persoas participantes, dado que aprender o idioma do país de acollida é esencial para integrarse con éxito; e aproveitar o enorme potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de falantes da nosa lingua.
O curso é gratuíto, incluído o material didáctico, e impartirase na modalidade presencial do 26 ao 30 de outubro deste 2026. O horario será de 9:30 a 13:30 h. na Casa da Cultura (Aula Cemit).
Para poder participar neste curso que ten un máximo de 20 prazas, será necesaria inscrición presencial na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura (Rúa Real s/n 1º andar). As prazas cubriranse por orde de solicitude.
Cunha duración de 20 horas está estruturado en cinco unidades temáticas, nas que se tratarán nocións básicas de lingua galega e de carácter cultural. Na parte de gramática hai unha introdución á fonética do galego, xunto coas distintas clases de palabras (artigos, pronomes persoais substantivos, adxectivos, verbos, adverbios, preposicións, conxuncións etc.), ortografía básica (uso de distintas grafías, regras de acentuación etc.) e outros recursos de utilidade para a comunicación na vida cotiá. Inclúense, así mesmo, contidos relacionados coa cultura e a historia de Galicia (gastronomía, tradicións, festas, música, etc.).
O curso, que impulsan as Concellerías de Servizos Sociais e Dinamización Lingüística farase efectivo cun mínimo de inscricións e chega ao Concello de Quiroga da man do Departamento de Formación da Cruz Vermella de Lugo dentro do programa de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
O concelleiro, Xosé Manuel Fernández, traslada o seu agradecemento á Cruz Vermella e amosa unha gran satisfacción por facer posible que a xente que chega a Quiroga cun proxecto de vida que contribúe a dinamizar o censo poboacional e a economía do concello teña tamén a oportunidade de integrarse lingüisticamente.