07/10/2026
«Hai que elixir entre corrupción ou decencia», di Feijóo.
Home… hai frases que, dependendo de quen as diga, veñen coa retranca incorporada. 😂
Porque escoitar falar de corrupción ao PP e facer como se Gürtel, Bárcenas, a caixa B e compañía fosen unha serie de Netflix… pois ten o seu aquel. O PP figura nas resolucións xudiciais de Gürtel como partícipe a título lucrativo.
Pero que tampouco se emocione demasiado o PSOE. Alí tamén teñen hemeroteca dabondo, e este mesmo ano o seu exministro e exsecretario de Organización José Luis Ábalos foi condenado polo Tribunal Supremo a 24 anos e 3 meses de prisión.
Así que, vendo o panorama, igual ningún dos dous está para ir repartindo certificados oficiais de decencia pola praza do pobo.
E despois están as famosas “muletas”.
Podemos, Sumar, Vox… cada un no seu lado e cada un coa súa historia.
Porque durante a campaña son perigosísimos. Uns van romper España. Os outros van acabar coa democracia. Uns son radicais, os outros extremistas, uns irresponsables e os outros imposibles para gobernar con eles…
Ata que chega a noite electoral e non dan os números.
E aí acontece o milagre. 😂
De repente desaparecen os monstros e empezamos a escoitar palabras moito máis elegantes:
diálogo, responsabilidade, estabilidade, acordo, entendemento, equipo…
O PSOE gobernou en coalición con Unidas Podemos e posteriormente con Sumar; e PP e Vox tamén chegaron a compartir gobernos autonómicos...
Que cousas ten a aritmética parlamentaria: ás veces cura radicalismos nunha noite.
Por iso eu non compro demasiado iso de que o 29N teñamos que escoller entre “corrupción ou decencia”.
A corrupción hai que condenala sempre, leve as siglas que leve. Se é do PP, do PSOE ou de quen sexa.
Eu, como concelleiro e como cidadán, teño moi claro a quen vou votar o 29N.
Pero esa é a miña decisión. Cada persoa que vote libremente a quen considere mellor.
E cando remate todo este circo electoral, gañe quen gañe, só espero que faga o mellor posible por todos os españois: polos que o votaron e polos que non.
Porque ao día seguinte seguiremos vivindo todos no mesmo país.
E para repartir carnés de corrupción e decencia… igual antes convén mirar a hemeroteca, mirar para a casa propia e, de paso, gardar o teléfono dos “radicais” por se o 30N fan falta uns cantos votos. 😏