11/10/2026
💙 Máis benestar
🍽🤝O CONCELLO DE CERVO ADHÍRESE AO PROGRAMA “XANTAR NA CASA” PARA FACILITAR UNHA ALIMENTACIÓN EQUILIBRADA E APOIAR ÁS PERSOAS MAIORES E DEPENDENTES
↪️O Pleno aprobou a integración do Concello no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e a solicitude de inclusión no programa, que contará inicialmente cun máximo de 15 persoas usuarias
O Concello de Cervo dá un novo paso no reforzo dos servizos de atención e apoio ás persoas maiores, dependentes ou en situación de vulnerabilidade coa súa adhesión ao programa “Xantar na Casa”, tras a aprobación no Pleno da integración do municipio no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e do convenio específico para a implantación deste servizo no termo municipal.
A iniciativa parte da necesidade detectada polos Servizos Sociais municipais de contar con medidas de apoio que permitan garantir unha alimentación equilibrada ás persoas que máis o necesitan, ao tempo que se favorece a súa permanencia no propio domicilio e se contribúe a evitar situacións de institucionalización.
O programa “Xantar na Casa” permitirá ofrecer un servizo de comida a domicilio, facilitando que as persoas beneficiarias poidan manter unha alimentación adecuada sen ter que abandonar o seu fogar.
A adhesión aprobada polo Pleno establece inicialmente un máximo de 15 persoas usuarias e contempla unha achega económica municipal de 1,95 euros por persoa e día, cun custo máximo anual estimado de 10.676,25 euros.
🗣A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, sinala que “a posta en marcha de ‘Xantar na Casa’ supón incorporar un novo recurso á rede de atención social do Concello e, sobre todo, ofrecer unha resposta concreta a persoas que poden ter dificultades para garantir por si mesmas unha alimentación axeitada”.
🏡“Queremos que as persoas maiores e dependentes poidan permanecer nas súas casas, na súa contorna e preto das súas familias durante o maior tempo posible, contando cos apoios necesarios para facelo con seguridade e calidade de vida”, apunta a rexedora.
🤝García Caramés destaca tamén que “desde o Concello estamos permanentemente atentos ás necesidades que trasladan os nosos Servizos Sociais e a propia veciñanza, e neste caso consideramos que a adhesión a ‘Xantar na Casa’ é unha ferramenta moi útil para complementar os recursos municipais existentes”.
“Falamos dun servizo que vai máis alá de facilitar unha comida: é tamén unha medida de apoio, acompañamento e autonomía persoal, que pode contribuír a mellorar o día a día das persoas beneficiarias e das súas familias”, engade.
✅️Unha vez que o convenio adquira plena vixencia, os Servizos Sociais do Concello de Cervo serán os encargados de tramitar as solicitudes.
A alcaldesa subliña que “seguimos ampliando e mellorando os recursos cos que contamos para atender ás persoas que máis apoio necesitan, apostando por políticas sociais próximas, útiles e adaptadas ás necesidades reais da nosa veciñanza”.
Con esta adhesión, o Concello de Cervo continúa avanzando na creación dunha rede de apoio que favoreza a autonomía persoal, o benestar e a permanencia no fogar das persoas maiores e dependentes.
📸Na foto, reunión da alcaldesa, Dolores García Caramés, a concelleira de Servizos Sociais, Pilar Armada, e as profesionais municipais deste departamento.