29/09/2026
Onte, no Pleno, volvemos tratar a nova residencia de maiores de Ribeira. Un proxecto que parte dunha explicación que a día de hoxe segue sen sosterse: o PP e a Xunta afirmaron que As Saíñas se vía afectada por unha nova normativa que impedía construír alí. Esa normativa non apareceu. O Goberno do Estado confirmou que non existía ningunha modificación legal que impedise continuar co proxecto e o propio arquitecto municipal concluíu que non había ningunha norma que prohibise construír a residencia naquela parcela.
En lugar de continuar cun proxecto xa redactado e nunha localización integrada na cidade, pretenden levar a residencia a San Roque, no medio do monte, afastando do día a día de Ribeira a persoas maiores que, en moitos casos, serán dependentes. Para nós, detrás desta decisión hai dúas claves políticas. A primeira é impedir que unha obra desta importancia se levase adiante mentres Ribeira estaba gobernada por unha maioría que non era do Partido Popular. Resulta difícil obviar, ademais, que a Xunta acaba de anunciar 24 novos centros residenciais, á marxe do de Ribeira, e que 22 dos 24 concellos seleccionados están gobernados polo PP.
A segunda clave é Abesadas B. Onte chegaron mesmo a amosar planos durante o Pleno. O goberno ten claro cara onde quere facer medrar Ribeira: cara a esa zona, desenvolvendo Abesadas B e poñendo en risco o pouco espazo verde periurbano que aínda conserva a cidade. Esa é a nosa valoración política do que está ocorrendo: política do ladrillo coa residencia como escusa.
Por iso votamos en contra. Aceptar agora a cesión destes terreos á Xunta suporía asumir definitivamente que a residencia non se pode facer nas Saíñas, cando a día de hoxe non existe ningunha norma que o impida. E significaría renunciar a todo o traballo e aos cartos públicos xa investidos nun proxecto que estaba moito máis avanzado.
Aínda queda unha mínima posibilidade. Moi pequena, pero existe. A sesión alongouse tanto que finalmente non se chegou a votar a reversión ao Concello dos terreos das Saíñas. Quizais no próximo Pleno aínda esteamos a tempo de que entren en razón e de evitar que Ribeira renuncie definitivamente a unha residencia integrada na cidade para substituíla por un proxecto no monte e ligado ao desenvolvemento urbanístico de Abesadas.