16/09/2026
O CHIRINGUITO DE CHAIÁN
O chiringuito político
A maioría absoluta é MOI boa, sobre todo para facer cacicadas. E Fina Suárez non perdeu o tempo despois das eleccións para facer o que mellor sabe.
Cando dicimos que Trazo parece unha barra libre para a xente de fóra, mentres este goberno se ri dos veciños e dos autónomos do propio concello, non o dicimos por dicir. Os datos e os papeis están aí.
Poucos días despois de gañar as eleccións, o goberno saca a licitación do chiringuito de Chaián. Preséntanse catro empresas, dúas delas de Trazo, vinculadas a persoas que foran nas eleccións en listas diferentes á do goberno. As dúas quedaron fóra, a pesar de que incluso había ofertas económicas máis altas e outras melloras.
Finalmente, a concesión acabou en mans dun empresario de Santiago, de fóra do concello e moi amigo… que, desde entón, parece terse convertido nun habitual: adxudicacións a dedo e, nalgúns casos, utilización gratuíta de recursos municipais. Pero diso falaremos con datos e papeis.
A concesión era por dous anos, coa posibilidade dunha prórroga dun ano máis.
E QUE PROMETEU PARA CONSEGUIR A CONCESIÓN?
Pois practicamente un pequeno paraíso na Carballeira de Chaián:
* Un parque infantil para menores de 8 anos, adaptado á normativa de seguridade e construído con elementos naturais para integralo na contorna.
O parque? Seguimos esperando por el.
* Unha sesión vermú mensual amenizada por un grupo musical. Si, mensual.
* Torneos de cartas, segundo a demanda dos participantes.
As cartas, polo visto, quedaron na baralla.
* Talleres de pintura para nenos, destinados ademais a conciencialos sobre o coidado do medio ambiente.
Nin taller, nin pintura, nin concienciación.
* Zona wifi. Si, wifi no chiringuito, nun concello onde en moitos lugares conseguir cobertura no móbil xa é toda unha aventura.
* Melloras no interior e exterior do quiosco con madeira, plantas naturais e menos plásticos, para integralo na contorna.
* Iluminación LED en toda a instalación eléctrica.
* E, entre outras cuestións, produtos para persoas con intolerancias alimentarias, produtos sen glute, leites vexetais e carta de alérxenos.
Todo isto non era unha carta aos Reis Magos. Formaba parte da oferta presentada para conseguir a concesión.
Cumprir xa era outra historia.
E AGORA VÉN O REALMENTE GRAVE
Pasaron os dous anos da concesión.
Cantas destas melloras comprobou o Concello que realmente se fixeron?
Porque se unha empresa consegue unha concesión comprometéndose a realizar determinadas melloras e actividades, quen ten que comprobar despois que se cumpran é o Concello.
Pero aínda hai máis.
Rematada a concesión, o chiringuito seguiu funcionando no verán de 2025 e volveu facelo no verán de 2026 sen unha nova adxudicación nin unha prórroga formal que amparase a explotación.
É dicir: un “okupa” no chiringuito, pero coa complicidade do goberno de Trazo.
Porque aquí quen ten que dar explicacións é o goberno de Fina Suárez.
Se a concesión rematara, quen autorizou que seguise aberto? Con que título? E por que se permitiu durante dous veráns?
Quen debía controlar a concesión era o Concello. Quen debía comprobar o cumprimento das melloras era o Concello. E quen debía garantir que un ben municipal non se explotase sen a correspondente autorización era tamén o Concello.
Isto é o realmente grave.
Porque prorrogar contratos sen amparo legal ou permitir que continúen simplemente por non volver licitalos pode ter consecuencias que van moito máis alá dunha irregularidade administrativa e, se concorren os requisitos legais, podería chegar a constituír prevaricación administrativa.
E a pregunta agora é outra: haberá máis contratos prorrogados da mesma maneira?
Continuará…..