27/10/2026
🔐 Xa podedes inscribirvos no Desafío CiberFP 2026!
Este ano celébrase a primeira edición desta competición autonómica de ciberseguridade dirixida ao alumnado de Formación Profesional, convocada pola Dirección Xeral de Formación Profesional e organizada polo CGIFP Eduardo Barreiros.
A idea é formar equipos de tres estudantes de centros públicos de FP e enfrontarse a retos de ciberseguridade, onde contará tanto o que sabedes como a vosa capacidade para traballar xuntos. Hai tres desafíos segundo o voso nivel (Explorador, Aventureiro e Experto), así que non fai falta ser un experto para animarse a participar.
A competición terá tres fases. En novembro celebrarase unha xornada de presentación na que se explicará o funcionamento da mesma, haberá formación para os tres desafíos e entregarase material de apoio aos equipos. En xaneiro de 2027 chegará a fase clasificatoria, que se fará en liña desde os propios centros e terá unha duración máxima dunha hora. Os equipos coas mellores puntuacións pasarán á final presencial, en febreiro de 2027 no Centro Eduardo Barreiros (Ourense), onde se enfrontarán a retos máis avanzados e terá lugar o acto de recoñecemento aos equipos participantes e gañadores.
📅 Tedes ata o 13 de novembro para inscribirvos. As bases e toda a información están na nosa web.
Contamos con vós!