30/10/2026
XI CONCURSO DE FOTOGRAFÍA “O MELLOR RECUNCHO DE MONDOÑEDO”
O Concello de Mondoñedo, a través da Concellería de Cultura, convoca o X Concurso de Fotografía “O Mellor Recuncho de Mondoñedo” baixo o lema “Elixe o lugar de Mondoñedo que máis che gusta” que ten por finalidade a elaboración dun calendario para o vindeiro ano 2027 coas mellores fotografías de recunchos da localidade.
Ábrese, no día de hoxe o prazo de presentación de orixinais que rematará o vindeiro sábado día 28 de novembro.
As fotos presentaranse en soporte dixital no seguinte enderezo de correo electrónico: [email protected] e deberase indicar no asunto “Concurso Fotografía 2026”. No corpo do correo incluirase o nome do/da participante e un número de teléfono de contacto. Unha foto por participante.
Dende o Concello queremos lembrar que debes enviar as fotos en formato jpg, tif ou bmp e cunha calidade de máis de 750Kb, co que non se envíen fotos descargadas das redes sociais propias ou que teñan pasado a través do WhatsApp, xa que é moi probable que non teñan resolución suficiente como para poder logo facer o calendario, prégase que se envíen as fotos orixinais.
Como todos os anos haberá tres fotos premiadas!!
Anímate a participar!
Bases completas na web do Concello de Mondoñedo: www.concellomondonedo.es e tamén podes lelas a seguir:
BASES:
1ª Obxecto
O presente concurso está destinado á elección de trece fotografías, unha para cada mes do ano, que ilustrarán o calendario municipal do ano 2027, máis unha para a portada do mesmo.
De entre todas as imaxes elixiranse ás tres mellores outorgándolles premio individual tal como se relata no punto correspondente.
2ª Participantes.
O concurso está aberto a tod@s as persoas físicas que desexen participar agás aquelas vencelladas de forma directa co Concello de Mondoñedo, así como a familiares de 1º e 2º grao ascendentes e descendentes das persoas que integren o xurado así como as súas respectivas parellas.
3ª Presentación de Orixinais
Cada participante poderá presentar só unha foto ao concurso.
As fotos presentaranse en soporte dixital no seguinte enderezo de correo electrónico: [email protected] e deberase indicar no asunto “Concurso Fotografía 2026”. No corpo do correo incluirase o nome do/da participante e un número de teléfono de contacto.
As imaxes non poderán levar marcas de auga de ningún tipo, nomes sobrepostos, marcas derivadas dos teléfonos móbiles, marcas en xeral, comentarios ou similares que puidesen permitir a identificación a autoría da imaxe. En caso de que isto suceda a imaxe non entrará en concurso quedando eliminada.
Nas fotos non poderán saír nenos/-as e/ou persoas menores de idade identificables como tal. De así suceder, ten que constar consentimento expreso do/da pai/nai/titor-a conforme autoriza á persoa que achega a imaxe a que esta imaxe se presente ao concurso e que se faga pública nas condicións que recollen estas bases.
En caso de que unha mesma foto sexa presentada por dúas persoas diferentes, fará que esta fotografía sexa automaticamente excluída do concurso posto que, ao presentarse por duplicado e por parte de dúas persoas, impide identificar a autoría da mesma ou a asignación desta autoría a unha ou outra persoa.
As imaxes presentaranse en formato JPG, TIF ou BMP cunha resolución mínima recomendable de 300 ppp, pero non será un factor excluínte. As fotos que non teñan unha resolución mínima que permita a súa edición e colocación no calendario coa suficiente garantía de calidade final, poderán ser descartadas polo xurado en base a este criterio.
As fotos cunha resolución inferior a 750Kb serán descartadas por non permitir edición. Así, cabe sinalar que as fotos que se descargan das redes sociais para presentalas non posúen a calidade mínima esixible para a súa publicación. De querer presentar unha foto provinte de calquera rede social propiedade da persoa que envía o e-mail, recoméndase que se presente a foto orixinal, a que deu orixe á publicación, e non a descargada da rede social pois arríscase a que non recolla a calidade necesaria para a edición da mesma.
Dado que as imaxes irán montadas no calendario do concello, preferentemente deberán presentarse cun tamaño tendente ao formato cadrado ou proporcional a este. En caso de presentar outros tamaños e resultar elixidas, serán recordadas para encaixar neste formato.
En caso de dúbida do xurado e/ou empate entre dúas ou máis fotos, o xurado empregará o criterio de resolución e mellor adaptación ao formato do calendario para darlle preferencia na súa elección entre as fotos empatadas.
4ª Prazo de presentación
O prazo de presentación de orixinais comeza coa publicación destas bases na web (www.concellomondonedo.es) e nas redes sociais do Concello de Mondoñedo e remata o día 28 de novembro do 2026, incluído este día. A data e hora de presentación que se considerará será a que indique a bandexa de entrada do e-mail ao que hai que enviar as imaxes.
5ª O Xurado
O xurado estará integrado por un número impar de membros máis 1 secretario/-a. Os membros terán voz e voto e o/a secretario/-a só voz pero non voto.
A cifra mínima que comporán o xurado será de 6 persoas: 1 presidente, 4 vogais e 1 secretario/-a. Este mínimo que comporá o xurado constará de:
• Presidente – Concelleiro de Cultura, ou persoa en quen delegue
• Vogais do Concello, ata un máximo de 2 – 1 ou 2 persoas pertencentes ao Concello de Mondoñedo, ben sexa técnico ou membro do equipo de goberno
• Vogais externos – Ao menos 2 persoas, alleas ao concello, con experiencia no eido da fotografía. A partir de aquí 1, 2 ou máis vogais alleos ao concello que poden ser doutras administracións públicas, ben sexan técnicos ou cargos públicos, ou profesionais relacionados co mundo das artes.
• Secretario/-a – persoal do Concello
O/A Secretario/-a, que será persoal do Concello de Mondoñedo, estará encargado/-a de coordinar a recollida de orixinais e envío destes, unha vez rematado o prazo de presentación de orixinais, aos diversos membros do xurado.
Para garantir o anonimato do concurso, a secretaría do evento recollerá as imaxes do
e-mail e asignaralles un número de identificación que individualizará a imaxe. Esta, xunto co número, será a que se remita ao xurado sen comunicar a autoría da foto ata despois da valoración e votación das mesmas.
A secretaría do evento estará presente na reunión co xurado que valore as fotos. Nela terá voz pero non voto e levantará acta do resultado da reunión do xurado.