Como presidente da Deputación de Ourense é un inmenso orgullo saudar desde este espazo a cantas persoas accedan á páxina de facebook da nosa institución. Unha ferramenta que as novas tecnoloxías poñen ao noso alcance para colaborar e cooperar na resposta ás necesidades dos concellos da provincia e dos seus habitantes. Nun territorio como o noso, caracterizado pola elevada dispersión da súa poboación, a sede electrónica da Deputación (www.depourense.gal) transfórmase no medio perfecto para facilitar o acceso a cantos programas e servizos presta esta institución, xa sexa no ámbito social como económico, na promoción do emprego, a defensa e conservación do medio ambiente, as infraestruturas, a formación, a cultura ou o deporte. A dixitalización da administración é un dos obxectivos marcados en maiúsculas na axenda de traballo da Deputación de Ourense, pois sen dúbida axudaranos a ser máis eficientes e prestar máis e mellores servizos tanto aos concellos como á cidadanía. Ademais, é o medio perfecto para dar cumprida conta do exercicio de transparencia que máis que nunca esixe a sociedade a toda acción de goberno. Tampouco esquezamos que desde este espazo poñemos a provincia de Ourense a un “clic” para que calquera persoa, en calquera parte do mundo e en calquera momento poida facer unha aproximación aos nosos recursos únicos e singulares como medio de promoción do territorio. Todas estas son razóns máis que suficientes para seguir traballando e innovando todos os días para a mellora da nosa sede electrónica, grazas tamén á profesionalidade dos nosos técnicos e ás suxestións de todos os usuarios.